Friday 03 de May de 2024

Cen persoas participan nunha concentración diante do consultorio de Abellá pola mellora da atención primaria en Frades


O Grupo de Goberno esixe un médico/a en Abellá de forma inmediata

Algo máis de cen persoas participaron este mediodía nunha concentración pola mellora da atención primaria en Frades convocada polo PSOE de Frades diante do centro de saúde de Abellá. Unha manifestación na que tomaron parte todos os concelleiros da corporación municipal de Frades, tanto da actual como dos últimos mandatos, encabezados polo alcalde, Roberto Rey Martínez.

Á fronte da concentración, tres pancartas, unha por cada grupo municipal. O grupo socialista repetiu mensaxe: “SOS Sanidade Frades”; mentres que o grupo de Goberno cambiou a súa pancarta por “Concello de Frades: queremos médico/a en Abellá xa!”; e o BNG debutaba cunha pancarta a dúas cores: “Non aos recortes. Si á sanidade pública galega”.

O voceiro municipal socialista, Enrique Astray, repetiu en liñas xerais o seu discurso do pasado mes de xullo na Ponte Carreira, facendo fincapé en que a mellora da atención primaria “é unha reclamación lexítima e que nos afecta a todos porque todos necesitamos da sanidade”. Neste sentido, lembrou que “non pedimos nada a maiores nin que non sexa lexítimo, senón algo que xa tiñamos”.

Petición de dous médicos

Pola súa banda, o alcalde de Frades, Roberto Rey, confirmou que xa solicitou unha entrevista conxunta dos tres grupos municipais co conselleiro de Sanidade para abordar a situación da atención primaria no municipio, tal e como acordaran os tres grupos municipais na última sesión plenaria. Así mesmo, explicou aos presentes que dende a Xunta confirmaron que nos próximos días sairá a concurso a praza de médico en Ponte Carreira e que se agarda que se cubra, xa que son moitos máis médicos/as aspirantes que prazas a concurso.

Porén, Rey Martínez insistiu en que “o verdadeiro problema témolo en Abellá. Son consciente de que ela ten todo o seu dereito a prestar servizo no Exército no momento que ela elixa ata os cinco meses, pero iso está a causarnos uns problemas que non podemos deixar pasar, polo que pedirémoslle ao conselleiro que traten de trasladala a outro centro onde as súas circunstancias causen menos trastornos ou, de non ser posible, que cubra efectivamente as súas continuas baixas”.

Na concentración estiveron presentes todos os concelleiros/as da actual corporación municipal (PP, PSOE e BNG), así como concelleiros e concelleiras de corporacións anteriores. Así mesmo, por parte do PSOE acudiu a deputada autonómica Begoña Rodríguez Rumbo, quen adiantou que os socialistas presentarán unha pregunta no Parlamento para interesárense pola situación do consultorio de Abellá.
O sol, que luciu toda a mañá, respectou curiosamente a concentración, mais non as intervencións dos distintos dirixentes políticos municipais que foron tomando a palabra. A choiva, nun principio débil e á que os presentes se sobrepuxeron simplemente abrindo os paraugas, tornouse nun trebón con forte vento que obrigou a buscar refuxio no exterior do consultorio de Abellá (pois este pechou as súas portas ás 11:00 horas coincidindo co inicio da concentración) ou baixo o parque infantil cuberto anexo. A súa intensidade foi tal que obrigou aos presentes, na súa maioría persoas de idade avanzada, a agardar entre 15 e 30 minutos antes de volveren ás súas casas.